A Banda

A Banda de Música Xuvenil de Torroso constitúese no ano 1987 por iniciativa do Centro Recreativo e Cultural de Torroso. Inicialmente creouse unha escola de música que contaba con máis dun cento de rapaces e rapazas da zona. Dada a enorme cantidade de alumnos con desexos de aprender a tocar algún instrumento, o Centro Cultural decide afiliarse ao Conservatorio de Música de Ponteareas para poder impartir clases oficiais.

foto banda torroso

Hoxe en día a Banda de música conta co abeiro dunha Escola de Música oficial propia con 350 alumnos matriculados.

A Banda de Música Xuvenil de Torroso realiza a súa primeira actuación pública en 1989, baixo a dirección de Francisco Velasco, ex profesor de vento-metal do Conservatorio de Música de Ponteareas. Posteriormente faranse cargo da dirección da mesma José González, Antonio Vázquez Raña (Tocho) e Carlos Tilve González, quen a finais de 2001 deixará a batuta nas mans da actual directora Dona Ángeles Lorenzo Estévez, que ata entón era compoñente desta Banda como frautista.

Nos derradeiros anos a Banda Xuvenil de Torroso leva o nome do Concello de Mos por toda a xeografía española e portuguesa coas súas actuacións en Aranda del Duero, Zamora, Ávila, Lisboa, Asturias… e participando en numerosos certames de música populares (Salceda de Caselas, Goián, Belesar-Baiona, Xinzo-Ponteareas, Marín, etc)

Ten feito varios intercambios con distintas agrupacións como a Banda de Música de Arganda del Rey (Madrid) en 2003, a banda de Música de El Tiemblo (Ávila) en 2007, Banda de Música de Madridejos (Toledo) en 2011, Banda de Música de Villaviciosa (Asturias), etc.

En 1995 realizou a súa primeira gravación para a Televisión de Galicia. En 2005 colabora e participa coa “Xove Orquestra Internacional de Galicia” e a “Joven Orquesta Sinfónica de Lisboa”.

A Banda de Música Xuvenil de Torroso é a encargada de organizar, dende 1999, o Certame de Bandas de Música de Mos, no que colaboran a Federación de Bandas de Música, o Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra, entre outros.

Tamén participou en diversas edicións do Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación Provincial de Pontevedra, conseguindo o terceiro e segundo premio nas edicións III e IV respectivamente.  Na V edición acada o primeiro premio e mención de honra.

No ano 2006 a Banda de música logrou o terceiro premio no concurso internacional de bandas “Villa de Aranda” (Burgos).

Tamén participa na segunda categoría do I e II Certame Zonal organizado pola Deputación de Pontevedra, obtendo un segundo e primeiro premio respectivamente

Nestes últimos anos a Banda de Música Xuvenil de Torroso consegue o Segundo Premio no Certame Autonómico na sección segunda, en 2010 e o Segundo Premio no XI Certame Provincial na sección segunda en 2011.

En xuño do ano 2012, a Banda recibe da man do concello de Mos a “Medalla ao Mérito Cultural”.

No ano 2013, a Banda de Música Xuvenil de Torroso participa no VII Certame Galego de Bandas de Música.

Na actualidade, a Banda de música conta con máis de 50 músicos con idades abranguidas entre os 10 e os 36 anos.